Un ano moi complicado para a industria da automoción debido á pandemia do coronavirus e á obrigación de ter o mercado pechado durante preto de dous meses, entre mediados de marzo e maio, debido ao estado de alarma. Con este panorama, o sector do automóbil pecha o 2020 cunha caída histórica nas vendas. Matriculáronse apenas 850 mil vehículos, o que supón unha baixada do 32,3% con respecto ao ano anterior. As cifras de unidades de vendas acumuladas deixan a 2020 como o cuarto peor exercicio dos últimos 25 anos, é dicir desde 1996. Dende o sector din que supón unha perda nas vendas de máis de 400 mil unidades, e as previsións para este ano tamén son pesimistas. Calculan que as vendas continuarán caendo nos primeiros meses do ano.