Os técnicos da cooperativa do Ribeiro comezaron a recoller mostras para ver o grao de maduración así como a calidade das uvas. De aquí a que empece a colleita, farano regularmente, para acertar co momento óptimo para a vendima. Confían en que o rendemento sexa semellante ao do ano pasado, en que colleron 3 millóns de quilos.
Comentan os agricultores que o maior problema desta campaña foron os fungos, especialmente o mildio, pola combinación de treboadas e calor que se deu nunha fase delicada do ciclo da uva, entre finais de maio e principios de xuño. A data estimada para comezar aquí a vendima é o 6-7 setembro, pero hai variedades que xa se colleitarán en agosto.
Finais de agosto e principios de setembro son tamén as datas estimadas polos consellos reguladores da Ribeira Sacra e Monterrei. En Valdeorras, como é habitual, podería adiantarse aínda máis, comezando nalgunhas zonas a partir do 20 de agosto.