“A vila do mañá”, un proxecto transformador en Malpica


O alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a creadora e directora do proxecto “A vila do mañá”, a arquitecta Sandra González, presentaron os obradoiros infantís que se van desenvolver dende o luns 29 de xullo ata o venres 2 de agosto co obxectivo de implicar a nenos e adolescentes na transformación do espazo urbano de cara á consecución dun pobo cada vez máis habitable.
No acto estiveron acompañados por un dos membros do equipo de Sandra González que tamén participará nos obradoiros e polo técnico de Educación e Cultura do Concello de Malpica, Antón Noceda, que explicou como se materializou o proxecto. “Dende o aspecto técnico pareceunos das propostas máis interesantes que se nos presentaron nos últimos anos, no senso de que moi poucas veces vemos iniciativas para traballar conceptos como o urbanismo ou a transformación dos espazos públicos en rapaces tan pequenos, sendo un dos aspectos que despois vai condicionar a nosa vida como adultos”, manifestou.
Na mesma liña se expresou o alcalde, que destacou o carácter novidoso da experiencia. “Estou seguro de que os nenos van desfrutar moito, porque realmente transformar o espazo público pode ser, á parte de didáctico, moi lúdico para eles”.
Sandra González, pola súa banda, explicou que “A vila do mañá” é un proxecto que leva percorrendo toda Galicia e parte do estranxeiro dende o ano 2016, e recoñeceu que está especialmente ilusionada coa posibilidade de desenvolvelo en Malpica.

Os obradoiros van dirixidos a nenos e nenas de 3 a 15 anos de idade.