As familias numerosas galegas xa poden rexistrarse na páxina web da concesionaria das autoestradas autonómicas para beneficiarse das bonificacións que entrarán en vigor a vindeira semana. A unidade familiar, que deberá estar en posesión dun título de familia numerosa en vigor, deberá cubrir o impreso de solicitude de alta no apartado da páxina web da sociedade concesionaria: www.autoestradas.com.
Trátase da bonificación do 100% da viaxe de volta ás familias numerosas na autoestrada A Coruña- Carballo (AG-55). Estes descontos permitirán que unha familia que se desprace desde A Coruña ata Carballo pola AG-55 pague só 2,55 €, fronte aos 5,10 € actuais, dado que a volta está bonificada ao 100% e lle sairá gratis.
Os descontos son acumulativos, polo que as familias numerosas poderán engadirlle tamén a bonificación do 50% en horario nocturno. Así, por exemplo, o membro dunha familia numerosa que se desprace ás 5,30 da madrugada e regrese ás 15,00 horas, pagará ida e volta entre A Coruña e Carballo 1,30 €, xa que á bonificación por familia numerosa do 100% da volta, suma o desconto do 50% na ida en horario nocturno.
O sistema vinculará cada familia a un dispositivo de telepeaxe e a un vehículo para aplicar a bonificación correspondente. Cada familia numerosa poderá asociar un dispositivo de telepeaxe, que poderán ser dous nos casos de familias de categoría especial ou integrada por pais divorciados.