O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo acaba de dar a coñecer os nomes dos espectáculos experimentais de pequeno formato que foron seleccionados como finalistas do certame e que poderán verse este mes de outubro durante a celebración da 35º edición do FIOT.
Entre as 25 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas (das cales, 5 serán estreas absolutas) son: wOHrk, de Iván Dávila; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana; Fogar, de La Tercera; A casa do avó, de Candil Teatro; A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez; e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas. Son propostas que transitan por disciplinas tan diversas como o clown, o teatro de obxectos, o teatro de máscaras, a danza, o teatro físico ou o de actor.
O xurado de profesionais das artes escénicas desta X edición do Certame Micro-Escenas M2 estivo integrado por Caterina Varela, artista, comisaria e xestora cultural, directora das Residencias Paraíso, do Colectivo RPM; Gustavo del Río, director, dramaturgo e xestor cultural; Alba Bermúdez, actriz e codirectora da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, membro da organización do FIOT e monitora cultural da concellaría de Cultura o Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado e sen voto.
En palabras do xurado: “esta décima edición do Certame de Micro-Escenas M2 continúa reafirmando o seu compromiso coas artes vivas, coa investigación de novas linguaxes, coa exploración de novos formatos e co impulso de compañías e creadores emerxentes. É un laboratorio aberto para experimentar cos límites do teatro e expandir as súas formas”.
O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2026 poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do #FIOT35: a conserxería do Pazo da Cultura, a pastelaría Zuccaro, o Xardín Rosalía de Castro, a tenda de segunda man Buy & Sell, a tenda de calzado barefoot Upa! e a tenda de roupa infantil Sweet Spirit. A entrada é libre ata completar a capacidade de cada espazo. Dadas as limitacións de aforo, recoméndase facer unha reserva no enderezo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com unha vez anunciado o programa do #FIOT35 o vindeiro mes de setembro.
338 propostas en dez anos
Sen barreiras, sen distancias, sen rede. O teatro cara a cara. Próximo, fugaz, en estado puro. O Certame Micro-Escenas M2 é teatro que irrompe no cotián, instalándose en espazos de vida compartida… condensado a súa forza a metro cadrado. Unha experiencia íntima e envolvente que sitúa ao público a un paso da escena. Unha oportunidade para cruzar miradas, sentir a proximidade dos intérpretes, escoitar cada respiración, e descubrir xestos, sons e aromas que transforman o encontro teatral nunha vivencia distinta e intensa. Deste xeito, esta X edición do Certame de Micro-Escenas M2 do FIOT continúa apoiando a creación escénica de novos formatos e a compañías e artistas emerxentes, ofertando un espazo no que poder experimentar sobre os límites do feito teatral.
A 6 pezas finalistas do certame neste 2026 recibirán unha compensación económica de 500 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público fioteiro finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso.
Ao longo destes dez anos, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (338, sumando ás 25 pezas recibidas a concurso neste 2026) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Na súa traxectoria, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.