A xente do rural sae á rúa en Santa Comba preocupada pola invasión eólica

Cedida.

Asociacións, plataformas veciñas e veciños do rural manifestábanse este sábado no concello de Santa Comba para expresar a súa preocupación ante a choiva de eólicos que asoballa Galicia. A numerosa manifestación, que se iniciou diante da casa do Concello de Santa Comba, percorreu as rúas do municipio berrando ao unísono: “Aldeas vivas e non destruídas”, “As brañas son vida, non as leves á ruína. Botarlles formigón é unha aberración”, “Por culpa do capital bótannos do rural”.

A veciñanza de Freixeiro e a Plataforma Non Máis Eólicos Bustelo – Campelo – Monte Toural poñían de manifesto que na súa zona xa hai en funcionamento o parque eólico do Monte Castelo con 25 aeroxeradores, o parque eólico Fontesilva con 12 aeroxeradores, en proxecto o Cerqueiral con 6 aeroxeradores.
Veñen de saír a información pública os parques eólicos de Portochán, As Castiñeiras, Monte Silvariño con 31 eólicos máis. Agora mesmo están á espera dos permisos de instalación os tres parques eólicos previstos no entorno do espazo natural da Braña Rubia: Bustelo, Campelo e Monte Toural; nos concellos de Santa Comba, Coristanco e Carballo. Isto supón a instalación de 27 novos aeroxeradores, ademais de toda a rede de viarios, cableados, estacións colectoras e dunha Liña de Alta Tensión desde O Campelo ata Mesóndo Vento, 40km de tendido que atravesa Coristanco, Tordoia, Cerceda e Ordes.
As agrupacións consideran que a forma de vida no rural periga, aldeas enteiras quedan dentro dos parques eólicos, as brañas – de gran importancia para o suministro de auga, a biodiversidade e a mitigación do cambio climático – tamén están afectadas por esta “febre de plantar cemento e metal na terra” á esgalla, pensando únicamente no beneficio económico das grandes multinacionais. A concentración finalizou diante da Casa da Cultura de Santa Comba dando voz á preocupación da veciñanza coa lectura dun manifesto.