A xerente de SEA destaca o beneficio da rebaixa de peaxes aprobada polo Goberno de España


A xerente de “Suelo Empresarial del Atlántico” (SEA), Beatriz Sestayo, puxo en valor a importancia para a dinamización económica e industrial de Galicia da aprobación do Real Decreto de bonificacións de peaxes da AP-9, impulsado polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana.

Beatriz Sestayo valorou positivamente que o Goberno de España atenda por primeira vez unha reclamación histórica en Galicia, dado o impacto que o custo excesivo das peaxes da Autoestrada do Atlántico tiña para a mobilidade empresarial e industrial. Precisamente, lembrou que, a pesar de que a AP-9 é fundamental na vertebración viaria de Galicia, as subidas das tarifas dos últimos anos estaban a xerar dificultades engadidas ás empresas para elixir a súa localización.

Gran parte dos 13 polígonos industriais que xestiona SEA sitúanse directa ou indirectamente no eixo atlántico: A Laracha, Malpica, Cee, Vimianzo, Muros, Catoira, Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Vilanova de Arousa, polo que a medida repercutirá de forma moi positiva nas case cen empresas instaladas actualmente neles.

En Galicia, os vehículos que de media pagan por usar cada día a AP-9 ascenden a 61.485, polo que ata 15 millóns de traxectos anuais veranse beneficiados polas bonificacións, tanto con peaxes reducidas como gratuítas, para as que se contempla un orzamento total de 2.300 millóns de euros ata 2048, segundo informou o Ministerio.