A xestión do Teatro Colón seguirá sendo polo IMCE e a Deputación


A Deputación da Coruña e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), organismo pertencente ao Concello da Coruña, dan continuidade á xestión conxunta do Teatro Colón. Así se reflícte no convenio asinado polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e a alcaldesa da Coruña e presidenta do IMCE, Inés Rey García, polo que ambas institucións amplían a cooperación actual ata o 31 de decembro de 2021. Ambos entes colaboran desde o 2018 na xestión do teatro, ano no que se asinou o acordo que permitiu integralo na rede pública de espazos culturais municipais.

Deste xeito, a Deputación comprométese a facerse cargo dos servizos de mantemento das instalacións e do seu equipamento. Tamén investirá na transformación das bombillas a LED no patio de butacas e outras plantas, na reparación do aire acondicionado e na mesa de luces e monitores, así como na caixa negra. Tamén se encargará do pago de impostos e do seguro do inmoble, que adquiriu no ano 1997.

Pola súa banda o IMCE comprométese a contratar e aboar os gastos de persoal de xerencia do teatro, espectáculos e actividades, persoal de asistencia técnica, xerencia e venda de entradas e persoal de sala, entre outros.