A xuízo o concurso de Noveis Deseñadores da Mostra do Encaixe

Este sábado foi o día decisivo para os participantes do XXVIII concurso de Noveis Deseñadores da XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. O xurado profesional estivo presente nos desfiles dos grupos ‘A’ e ‘B’ da tarde deste sábado para avaliar as propostas que presentaron os 25 mozos e mozas participantes.

O xurado estivo formado por Modesto Lomba (presidente), Felipe Santamaría, Franco Quintáns, Edith del Valle, Esteban Freiría, Amaya Fernández, Jorge de Álvarez e Inés Fernández. Valoraron aspectos como a aplicación do encaixe, a confección, a orixinalidade, a mensaxe…

Este domingo 17 de abril, darase a coñecer o gañador ou gañadora do certame e o premio do xurado popular, que nos días previos avaliou as diferentes propostas dos noveis deseñadores chegados de diferentes puntos de España.

Ademais, ao remate dos desfiles tivo lugar o encontro entre grandes e noveis deseñadores ‘Falemos de moda’, un espazo no que os e as que se están a iniciar no mundo da moda puideron consultar dúbidas e coñecer as indicacións dos reputados profesionais.

Por outra banda, Xabier Díaz puxo a nota musical na pasarela, previo ao desfile de Grandes Deseñadores. Pola noite, ás 22 h., deu o concerto da XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña na praza do mercado.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha