A Xunta abre as convocatorias para a contratación de máis de 100 profesionais en tarefas de I+D+i


A Axencia Galega de Innovación, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, acaba de convocar as dúas novas edicións dos programas Principia e Talento Sénior, dotados con 2,1 millóns de euros no seu conxunto, co obxectivo de continuar a xerar, reter e atraer talento a Galicia. Con estas iniciativas, a Administración autonómica continúa a fomentar o emprego cualificado baixo a premisa de que o capital humano é o factor diferencial máis importante á hora de determinar o desempeño innovador das empresas e entidades.

Con estas iniciativas búscase impulsar o emprego cualificado e de calidade, por elo prímanse entre os seus criterios de avaliación, os contratos indefinidos ou de máis longa duración, o salario a percibir para a contratación de traballadores ou a existencia de plans de formación nas empresas.

Ademais, perséguese impulsar o emprego feminino e a incorporación das mulleres ás actividades de I+D+i. Para elo, as convocatorias contan con medidas de fomento da participación feminina no eido da ciencia e a innovación, incluíndo nos criterios de adxudicación unha importante reserva de puntos para os perfís femininos. O obxectivo final é contribuír a un sistema de innovación máis igualitario en Galicia.