A Xunta abre expediente para esclarecer a orixe da turbidez da auga do río Eume


Así o avanzou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen, xunto co alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e coa xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Cristina Carrión, supervisou os traballos que se están a realizar na zona de captación de abastecemento de auga do río co obxectivo de recuperar, o antes posible, os parámetros que permitan restablecer o consumo de auga por parte da poboación.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade cualificou a situación de “inaceptable” e avanzou que se está a estudar se houbo vulneración das normas de explotación e xestión da presa para, no seu caso, adoptar as medidas oportunas.

Lembrou que a Xunta, a través de Augas de Galicia, lle deu instrucións concretas á empresa explotadora do encoro para que adoptase as medidas necesarias para acabar o antes posible coa situación de turbidez xerada, xa que se está a falar “da calidade das augas do río e da calidade da auga que consumen os cidadáns”.

Augas de Galicia vén traballando desde a semana pasada na realización de inspeccións e analíticas co obxectivo de coñecer a orixe e o alcance das alteracións rexistradas no río Eume. Esas analíticas concluíron que non había alteración nos niveis de PH e de oxíxeno e, afortunadamente, non se rexistrou ningún tipo de mortaldade de especies, aínda que o nivel de turbidez da auga era “preocupante”.

Segundo explicou Ethel Vázquez, o pasado sábado os niveis de turbidez acadaron parámetros incompatibles co consumo humano e así se lle comunicou desde a Xunta ao Concello de Pontedeume, quen adoptou a correspondente decisión sobre o abastecemento de auga á poboación.