Faino a través da realidade virtual e de xogos interactivos, tal e como explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa visita ao complexo medioambiental de Cerceda xunto cun grupo de escolares de ESO do Colexio Divina Pastora-MM Franciscanas de Ourense.
De feito, esta visita, enmarcada nos actos organizados pola Consellería co gallo da Semana por unha Galicia sostible, tiña como obxectivo comprobar in situ a incorporación das novas tecnoloxías ao programa de visitas de Sogama. Segundo subliñou Ángeles Vázquez, veñen de incorporarse dúas novidades didácticas coas que se pretende non só dar a coñecer a actividade que se leva a cabo no complexo medioambiental, senón tamén concienciar aos máis novos da importancia de xestionar correctamente os residuos de cara a mitigar os efectos do cambio climático na Comunidade.
Unha das novidades é a posibilidade de realizar una Visita Virtual 360º. Esta actividade permitirá que os visitantes dispoñan dunha visión máis detallada do proceso industrial que desenvolve Sogama e, ademais, dará a oportunidade de coñecer o interior do complexo medioambiental a través de lentes inmersivas de realidade virtual a aqueles colectivos que por limitacións de idade ou mobilidade non poden acceder fisicamente ás instalacións.
Nesa liña, a conselleira explicou que “este percorrido virtual” conta con grafismos e rótulos que actúan como guía, así como cunha locución en off e música de fondo para conseguir que esta experiencia, ademais de interesante e enriquecedora, tamén sexa agradable e única.
A maiores, Sogama tamén incorpora o xogo arcade Trash & Furious, que consiste nun recurso educativo co que os visitantes teñen a oportunidade de poñer a proba o aprendido durante a xornada formativa, pero dun xeito divertido e entretido.
Así, na sala de recepción de Sogama instaláronse 4 máquinas, que se identifican cos 4 principais contedores -amarelo, azul, marrón e xenérico- para que un total de 8 xogadores -2 por máquina- compitan clasificando diferentes tipoloxías de refugallos e transportándoos ata a planta de tratamento que corresponda.
Máis polo miúdo, a dinámica consiste en que mentres un dos xogadores selecciona os refugallos que circulan por unha cinta transportadora e os arrastra ao contedor correspondente, o compañeiro de equipo conduce un camión (alimentado por combustible renovable) que os recolle por unha cidade e transporta ata o centro de xestión. Os xogadores irán sumando puntos en base ao seu coñecemento e rapidez tendo en conta que poderán atoparse con imprevistos que deberán xestionar da mellor forma posible para evitar ser penalizados.