O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, participou na presentación en Tui do XVIII Festival Internacional de Documentais Play-Doc, onde anunciou a publicación da resolución de adxudicación da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais de 2022, que distribúe 210.000 euros entre 11 certames de toda Galicia.
Un dos beneficiarios é precisamente o Play-Doc de Tui, que celebra a súa décimo oitava edición do 4 ao 8 de maio, para a que conta cunha axuda de 38.473 euros a través da liña de apoio coa que o Goberno galego contribúe anualmente á organización con carácter profesional de mostras que son consideradas estratéxicas para o sector.
Xunto co evento tudense, tamén son adxudicatarios da convocatoria deste ano (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (40.000 euros), Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto de Santiago de Compostela (32.688 euros), Festival de Cans de Curtametraxes, no Porriño (31.000 euros), Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (17.201 euros), Festival Carballo Interplay (16.678 euros), Intersección-Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, na Coruña (11.411 euros), Novos Cinemas-Festival Internacional de Cinema de Pontevedra (8772 euros), MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela (8594 euros), Festival de Cine Inclusivo, en Vigo (3093 euros) e Galician Freaky Film Festival, tamén en Vigo (2087 euros).