A Xunta acometerá a substitución das carpinterías do CEIP Alfredo Brañas da Laracha


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López, informou nunha visita ao CEIP Alfredo Brañas que a Xunta de Galicia vai acometer a renovación das carpinterías deste centro educativo cun investimento de máis de 170.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, a actuación ten un prazo de execución de dous meses.

Este investimento únese ás obras proxectadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade que contemplan 35 actuacións en centros educativos de Bergantiños-Costa da Morte cun investimento global de 2,8 millóns de euros.

Segundo explicou Gonzalo ademais desta actuación na Laracha, a Xunta realizou licitacións similares para rehabilitación integral do CPI Alcalde Xosé Pichel en Coristanco, cun investimento de máis de 664.000 euros, aos 361.000 euros para a renovación da cuberta e das carpinterías do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños, 380.000 euros para a reforma das carpinterías e do SATE do CEIP Eugenio López de Cee e 420.000 euros para a substitución das carpinterías e do illamento térmico exterior do CPI Cabo de Area de Laxe.

O delegado da Xunta tamén destacou que este verán está previsto que se rematen as obras do IES Fernando Blanco de Cee e do CPI O Cruce de Cerceda que contan cun orzamento total de 358.000 euros. Ademais, a Xunta acometerá en un total de 27 centros educativos desta área obras de menor envergadura que suporán un investimento global de máis de 374.000 euros.