A Xunta acorda manter as restricións na área da Coruña

  • Prohíbese fumar en rúas e terrazas se non se mantén a distancia

Este mércores publicaranse no DOG todas as decisións tomadas pola Xunta ante a actual situación epidemiolóxica en Galicia. Así o expresou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, despois de reunirse co comité clínico de expertos sanitarios.

Intervención do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

Feijóo explicou que aínda que a situación epidemiolóxica é boa na comunidade–cunha taxa de incidencia acumulada nos últimos 14 días catro veces inferior á de España– houbo un empeoramento coa apertura de fronteiras, sobre todo na área de A Coruña.

Por este motivo, dixo, nesta área manteranse as restricións implantadas nos últimos días en relación á prohibición do ocio nocturno; limitación das reunións privadas ata un máximo de 10 persoas; redución do aforo ata o 50% nos comercios e hostalería; restrición das visitas e saídas de usuarios de residencias; e peche dos centros de día.

Como novidades, o titular da Xunta avanzou que se intensificará o rastrexo dos casos, cun aumento das PCR e a posibilidade de levar a cabo un cribado aleatorio entre os sectores da poboación máis afectados.

Por outra banda, Feijóo adiantou que, polo momento, non se prevé establecer medidas de control xeral da mobilidade, sen prexuízo de que isto poida variar nos vindeiros días: “O comité clínico volverá reunirse dentro dunha semana para decidir se se manteñen, suavizan ou incrementar as medidas”, aseverou.

Prohibición de fumar en rúas e terrazas se non se mantén a distancia

Finalmente, outra das cuestións abordadas foi a prohibición, en toda Galicia, de fumar nas rúas e terrazas cando non se poida manter a distancia de seguridade.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha