A Xunta activa a prealerta por seca no río Grande, en Camariñas, e mantén a do Anllóns

1 minutes read

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presidiu este mércores unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, integrada polos técnicos de Augas de Galicia e representantes de Protección Civil, Meteogalicia, a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Sanidade. No encontro avaliouse a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa. Constatouse que tras un mes de xullo con escasas chuvias, rexistráronse precipitacións o venres e o sábado pasados, pero o tempo seco volve predominar esta semana e prevese que continúe nas vindeiras semanas. Por elo, activouse a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Grande, en Camariñas e tamén acordou manter a situación de prealerta ou escaseza moderada nos sistemas do río Anllóns. A situación de prealerta por escaseza implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais prevense medidas de concienciación da cidadanía.