A Xunta activa este luns o novo Plan de Rescate para autónomos procedente de fondos do Estado


O Diario Oficial de Galicia publicou este venres as bases do 3º Plan de rescate que prevé axudas directas para persoas traballadoras autónomas por valor de 234,4 millóns de euros de fondos estatais asignados a Galicia. As persoas interesadas contarán ata o próximo 14 de xullo para cursar as súas solicitudes.

As persoas solicitantes poderán recibir adiantos de ata o 100% da axuda que lles corresponda so con presentar unha declaración responsable. Deberán acreditar nos tres meses seguintes que cumpren cos requisitos esixidos.

O 3º plan perfilouse de novo en consenso cos axentes sociais, na Mesa do Emprego Autónomo e no seo do Diálogo Social. Co mesmo, trátase de aportar liquidez aos autónomos e empresarios con carácter inmediato, apoiar a súa solvencia e acompañalos no camiño da recuperación. Os cartos, tal e como prevé a norma estatal que regula os pagamentos, deberán destinarse a cubrir débedas pendentes de pago.