A Xunta activa para este luns a alerta laranxa por temporal costeiro

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde primeiras horas da mañá no noroeste e oeste da provincia da Coruña, ampliándose a media mañá ao suroeste da costa coruñesa e ao litoral de Pontevedra. Agárdase mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de ata sete metros e vento do sur ou suroeste de ata forza 8. No litoral de Lugo prevese o inicio a última hora do día.

Para a xornada do luns, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou suspensións de actividade deportiva Xogade e federada no mar nos concellos do oeste da Coruña (Costa da Morte) entre as 09,00 e as 24,00 horas; nos concellos do noroeste da Coruña entre as 10,00 e as 24,00 horas; e no suroeste da Coruña, Rías Baixas e Miño de Pontevedra entre as 12,00 e as 24,00 horas.

Lémbrase a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Related posts

O BNG exixe ao Goberno do PP que reforce o profesorado para o alumnado con necesidades especiais de Cee e Muxía

Catro galegas e galegos, seleccionados para o Campionato do Mundo de Campo a Través

COGAMI lanza unha campaña para achegar o seu servizo de Emprego á xuventude con discapacidade en Galicia