A Xunta activa para este martes a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral galego

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde primeiras horas deste martes no noroeste e oeste da provincia da Coruña, ampliándose a media mañá ao suroeste da costa coruñesa e aos litorais de Pontevedra e Lugo.  Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de ata seis metros.

Para a xornada do martes, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou suspensións de actividade deportiva Xogade e federada no mar en catro zonas diferentes pola alerta laranxa por costeiros. Nos concellos do oeste da Coruña (Costa da Morte) entre as 03,00 horas do martes e as 15,00 horas do mércores. Nos concellos do noroeste da Coruña entre as 06,00 horas do martes e as 15,00 horas do mércores. Nos concellos do suroeste da Coruña e Rías Baixas entre as 12,00 horas do martes e as 09,00 horas do mércores. E nos concellos da Mariña Lucense entre as 12,00 horas do martes e as 12,00 horas do mércores.

Cómpre lembrar que, segundo as previsións dos órganos preditores a actividade deportiva Xogade e federada está tamén suspendida nos concellos do litoral da Costa da Morte, entre as 12,00 e as 18,00 horas.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Related posts

Este sábado resentación  do poemario “Os Ausentes” na casa da Cultura do Museo Man de Camelle, en Camariñas

Alerta vermella por temporal costeiro na Coruña e Pontevedra

A Deputación da Coruña e Orgullo Galego presentan unha nova edición do programa ‘O galego e as redes sociais’