A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou que a Xunta adheriu as tendas de IKEA en Galicia á Tarxeta Benvida para que as familias poidan empregala na compra de produtos para os seus bebés. Fíxoo durante unha visita ás instalacións de IKEA na Coruña, onde remarcou que tamén se poderá facer uso dela nas oficinas de planificación de Santiago, Vigo e Ourense.
A conselleira lembrou que a Tarxeta Benvida foi impulsada polo Goberno galego no ano 2016 para axudar ás familias con nenos de 0 a 3 anos na compra de produtos básicos tras o seu nacemento como alimentos, cueiros, roupa, mobles ou tamén produtos de farmacia. Neste tempo ten beneficiado a 100.000 familias galegas e a Xunta destinou máis de 200 millóns de euros no seu funcionamento.
Son moitos os comercios, farmacias e establecementos que permiten empregar esta tarxeta e, a partir do 1 de decembro, tamén se poderá facer uso dela nas tendas de IKEA en Galicia. Fabiola García destacou que con esta adhesión o Goberno galego pretende que as familias planifiquen a chegada do seu fillo coa máxima ilusión e coas mínimas preocupacións económicas posibles.