A Xunta adxudica a redacción de dous proxectos para reducir o risco de inundacións en Carballo

1 minutes read
Río Anllóns ao seu paso por Carballo.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por preto de 90.000 euros a redacción de dous proxectos construtivos para o desenvolvemento das actuacións necesarias para reducir o risco de inundacións no río Anllóns en Carballo.

Concretamente, os contratos adxudicados refírense á redacción do proxecto construtivo para a remodelación da ponte da rúa Fomento, coa remodelación da canle e motas de contención augas abaixo da ponte; e do proxecto de demolición da ponte de San Martiño e da nova ponte da rúa Deza á rúa San Xoán Bautista.

Estes dous contratos foron adxudicados á empresa Ingeniería do Noroeste S.L. Os traballos contan cun prazo para a elaboración dos proxectos de 3 meses, respectivamente.

Augas de Galicia segue, ademais, avanzando na contratación da redacción do proxecto construtivo para a demolición de edificación, remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol.

A entidade hidráulica da Xunta ten xa contratada a redacción dos outros tres proxectos, na canle de desaugadoiro, na zona de Muíño do Quinto; de remodelación integral do parque de San Martiño; e para acometer a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55, na rúa de A Cepeira, en Sísamo, que completan as actuacións previstas de cara a minimizar o risco de inundacións no río Anllóns ao seu paso por Carballo.