A Xunta adxudica por máis de 1 M€ a obra de rehabilitación integral do Colexio O Areal de Camariñas

As intervencións serán realizadas pola empresa Iam Rumbo Instalaciones y Obras, e o prazo de execución da actuación, unha vez se inicien os traballos, é de nove meses

O obxectivo é renovar por completo a envolvente do centro para mellorar o confort térmico da comunidade educativa no seu día a día e a eficiencia enerxética das instalacións. Para iso, o programa de actuación inclúe o cambio da cuberta por unha nova de panel tipo sándwich con illamento térmico, dun  total de 1.726 m², así como a instalación de sistema SATE nos 1.864 m² de fachadas.

Así mesmo, mudaranse as 87 fiestras  exteriores e 69 portas que aínda non foran renovadas. Tamén se incorporarán novas luminarias no recinto exterior do colexio, que non existen na actualidade, e acometerase o acondicionamento acústico interior do patio cuberto a base de chapas microperforadas de aceiro galvanizado lacado e panel interior de la de vidro.

No interior do edificio instalaranse nova iluminación (337 luminarias en total) e falsos teitos e realizaranse tarefas de pintado, ademais de realizarse outras melloras complementarias. 

O programa da intervención inclúe tamén a mellora da accesibilidade do centro, coa construción e adecuación de ramplas desde os patios ata o colexio e a redistribución do núcleo de aseos da planta baixa para crear dous aseos adaptados.

Investimento na Costa da Morte

Esta intervención enmárcase nas primeiras 16 obras programadas pola Consellería en centros de ensino para este ano, cun investimento total de máis de 16 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.

A obra eleva a 8 M€ o investimento da Xunta en melloras dos centros da Costa da Morte no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica, con actuacións como a rehabilitación integral e reforma do salón de actos do Instituto Alfredo Brañas (Carballo, 2 M€), a ampliación do CEIP Mar de Fóra (Fisterra, 913.000 €) ou as melloras sectoriais acometidas no Centro Público Integrado As Revoltas (Cabana de Bergantiños, 660.000€), no CEIP Plurilingüe Eugenio López (Cee, 518.000€) e no CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe, 420.000€), entre outras.

Related posts

A Deputación da Coruña convoca a oitava edición dos Premios PEL

O Concello da Laracha aclara a situación do proxecto de instalación dunha antena de telefonía xunto ao CEIP Otero Pedrayo

A Xunta confirma que executará a limpeza dos 10 km de vías solicitados polo Concello de Camariñas