A Xunta adxudicará este mes as obras de rehabilitación no Convento de Herbón

1 minutes read

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, visitou o Convento de Herbón, onde a Xunta de Galicia ten previsto levar a cabo obras de rehabilitación e conservación para resolver os problemas presentes na zona do claustro, a máis antiga do convento e a que se atopa en peor estado, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas cara ao seu uso cultural.

Así, tal e como avanzou o titular de Cultura e Educación, o Goberno galego ten previsto adxudicar este mes estas obras, que contan cun investimento de case 420.000 euros e un prazo de execución de seis meses. Durante este período, actuarase na zona do claustro, onde a falta de mantemento dos últimos anos provocou a entrada de auga e o deterioro das estruturas e dos acabados. Neste marco, e co obxectivo de resolver este problema, restauraranse as cubertas e o forxado de piso no primeiro andar, conservando as madeiras que se atopen en bo estado e mantendo a tipoloxía naqueles casos nos que sexa preciso substituílas.

O proxecto de conservación deste inmoble, declarado BIC no ano 2013, tamén contempla a limpeza e rexuntado da cantería dos muros do claustro e do primeiro andar, así como a restauración das carpinterías exteriores e a eliminación dos elementos discordantes. Por último, aplicarase un tratamento á madeira fronte aos xilófagos e repasaranse todas as xuntas do pavimento do claustro.