A Xunta adxudicará este mes máis de 24.000 metros cadrados de solo empresarial na provincia da Coruña


Así osalientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha reunión con representantes do tecido produtivo. No encontro, puxo en valor a nova Lei de áreas empresariais de Galicia, pioneira a nivel estatal e cuxa aprobación definitiva se debaterá este mes no Parlamento, e que busca axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo garantindo o equilibrio entre o uso sustentable do territorio e a actividade económica. O obxectivo é dotar á Comunidade de espazos competitivos, funcionais e totalmente equipados.

A nova normativa insiste na necesidade de garantir a conservación destas áreas para o que se inclúe a creación de entidades que velarán tanto polo mantemento das infraestruturas e servizos de ámbito como pola súa actualización e modernización.

A conselleira tamén fixo fincapé en novas figuras como as reservas estratéxicas de solo ou os planes estruturantes, que fixan os parámetros básicos de ordenación dunha área empresarial y cuxa tramitación máis áxil permitirá reducir de 21 a 9 meses a aprobación dun proxecto de urbanización.

A Lei de áreas empresariais será unha norma clave nun momento no que, logo de dous anos de pandemia, é necesario reactivar a economía galega, xerar emprego estable e de calidade e facer da Comunidade un territorio atractivo para que as empresas se implanten

Pola súa banda, o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, cualificou a nova lei como unha norma moi esperada e na que o tecido empresarial da nosa Comunidade ten depositadas unhas altas expectativas. E engadiu que será un revulsivo para o fomento da actividade económica en Galicia.