A Xunta adxudicou as obras de remodelación da ponte da rúa Fomento de Carballo

2 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 1.847.114 euros a execución da obra de remodelación da ponte da rúa Fomento de Carballo, para reducir o risco de inundación no río Anllóns ao seu paso polo municipio.

Os traballos, adxudicados á empresa S.A. de Obras y Servicios Copasa, inclúen a transformación da canle e motas de contención augas abaixo desta ponte.

Esta nova actuación no municipio forma parte das actuacións necesarias para minimizar o risco de inundación en Carballo. Os traballos teñen un prazo de execución de 8 meses.

Este contrato forma parte das actuacións recollidas no convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Carballo para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río, cun investimento total de 6,3 M€.

En concreto, a través do contrato que se vén de adxudicar, intervirase na zona da ponte onde se produce un estreitamento do leito do río Anllóns, sendo esa, pola súa escasa capacidade de desaugue, unha das zonas más inundables no casco urbano de Carballo en época de enchentes.

Os traballos adxudicados inclúen a ampliación e corrección do leito do río, a construción dunha nova ponte e a construción de motas augas abaixo. Tamén se prevé a demolición dunha edificación e dunha escaleira situada augas arriba da ponte.

Deste xeito, demolerase a ponte que conecta a rúa Fomento e a avenida de Fisterra, co fin de ampliar a sección do leito, e tamén un edificio sito na rúa Fomento anexo ao leito.

Construirase unha nova ponte mediante 8 vigas de formigón pretensado dobre de máis de 22 metros de lonxitude e anchura de algo máis de 4 metros, dividida en dous carrís e dúas beirarrúas. A estrutura permitirá o paso inferior dunha senda a ambas marxes inundables no caso de crecidas.

Na intervención deseñada por Augas de Galicia, proxéctase tamén a apertura do leito aumentando a sección dispoñible, nunha lonxitude de 121 metros na marxe dereita e 158 metros no esquerdo, e elevando a cota de rebosamento mediante un muro-bancada. O sostemento dos noiros realizarase mediante muros de dique executados reutilizando parte do material existente.

As obras obxecto deste contrato inclúen a repavimentación da senda adxacente ao leito por ambas as marxes, e dotarase o acceso á senda desde a rúa Fomento e a avenida de Fisterra mediante ramplas a cada lado do leito.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?