A Xunta afirma que a choiva foi a principal causa do derrubamento na mina de Monte Neme

  • O BNG acusa a Lorenzana de non tomar medidas malia que había advertencias técnicas desde hai anos de risco de desastre ambiental.
  • O PSdeG advertiu que a “inacción prolongada” da Consellería de Industria nas minas abandonadas está detrás do derrubamento.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, confirmou este mércores que os informes técnicos que foron pedidos tanto á dirección de obra como á empresa adxudicataria dos traballos de restauración da mina de Monte Neme conclúen que o derrubamento ocorrido o pasado 31 de xaneiro tivo a súa orixe nas intensas precipitacións dos últimos meses.

En resposta a dúas preguntas orais no Pleno do Parlamento, Lorenzana explicou que estes informes sinalan que o suceso tivo a súa orixe na acción combinada da auga de choiva acumulada durante un período prolongado no fondo de corta do oco mineiro e dun episodio de intensas precipitacións, que incrementou de forma significativa o nivel da auga embalsada. De feito, no período de novembro a xaneiro rexistrouse un récord histórico de choiva na zona, un 59,4 por cento por riba da media histórica de anos anteriores, segundo datos de Meteogalicia.

Así, de acordo con ambos os dous informes, aínda que nos días previos se fixeran probas de bombeo de auga ao oco sur, foron de reducida envergadura, e o seu volume non é dunha entidade suficiente con respecto ao recollido polo episodio de pluviosidade.

Lorenzana tamén indicou que, neste momento, a Xunta tamén está facendo unha análise dos solos que puidesen conter cantidades de elementos por riba dos valores normais, e que, de ser necesario, se trasladarán ao xestor que corresponda, co fin de que a restauración de Monte Neme se produza de forma integral, non só no espazo mineiro, senón tamén no que se poida ter visto afectado polo acaecido o día 31 de xaneiro.  

Ese día, engadiu, a Xunta actuou coa máxima dilixencia, despregando medios de forma inmediata para restablecer a circulación entre os núcleos de Aviño e Razo, e adoptando as actuacións urxentes que os informes técnicos indicaron. Entre elas, de acordo ao informe emitido pola dirección de obra o pasado luns, pechar e selar a entrada á bocamina da galería mineira. E dispoñer dun tubo de drenaxe na parte inferior do peche que permita a evacuación controlada da auga, evitando acumulacións e posibles sobrepresións. De forma inmediata, dixo, a Consellería de Economía e Industria deu orde de que se comezasen a executar.

O contrato das obras de restauración de Monte Neme, tras a licitación por un importe de máis de 1,6 M€ (duplicando o orzamento previsto inicialmente) asinouse o pasado 13 outubro de 2025. As obras comezaron o 12 de decembro de 2025 e, tal e como lembrou a conselleira, atopábanse nunha fase inicial cando se produciu o incidente.

Postura do BNG

O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, emprazou á conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, a asumir responsabilidades pola súa actuación neglixente na mina de Monte Neme, e advertiu dos problemas de seguridade que persisten na zona da vella explotación, onde vén de producirse un novo derrubamento e unha enorme fenda nun dos noiros.  

“O seu traballo, conselleira, era manter a seguridade na mina de Monte Neme, e incumpriuse. Que ten que pasar para que o seu goberno asuma algunha responsabilidade?”, preguntoulle o deputado nacionalista á conselleira, á que acusou de obviar as advertencias técnicas que había desde hai anos. Malia que o risco en Monte Neme era “público e notorio”, criticou, o PP na Xunta non adoptou ningunha “medida efectiva”  para evitar un desastre ambiental como o acontecido pasado 31 de xaneiro, unha avalancha de auga con lodo que alcanzou os catro metros de altura e os 10.000 metros cúbicos de volume, arrastrando durante dous quilómetros todo o que atopou por diante.

Se o risco era coñecido e as competencias da Xunta, “estamos ante un fallo grave dos controis ou ante unha decisión consciente de non actuar”, denunciou Insua, quen subliñou que o Concello de Carballo leva desde o ano 2013 avisando por escrito da necesidade de restaurar a “desfeita mineira” e de adoptar medidas de seguridade en Monte Neme, onde —lembrou— xa rompeu unha balsa en 2014, provocando daquela unha riada de 24.000 metros cúbicos de auga que chegou ás casas en Razo e Aviño. 

Afondando na denuncia de “inacción previa” da Consellería, o deputado do BNG subliñou así mesmo que xa en 2024 o Concello de Carballo advertiu aos responsables de minas que existía unha galería nunha das balsas, que foi a que acabou rebentando. “Como é posible que non se contemplara a súa existencia no proxecto de restauración nin nos estudos xeotécnicos previos?”, inquiriu Insua, destacando a “preocupación” coa que viven os veciños da zona, máis agora tras o novo incidente que se produciu onte na galería.

A conselleira no dá explicacións polas seis horas de retraso

O deputado do BNG denunciou ademais o retraso na activación da emerxencia tras a avalancha do 31 de xaneiro, seis horas máis tarde desde que unha veciña desde a voz de alarma cunha chamada ao 112. “Poden estar os veciños e veciñas tranquilas?, preguntou Insua, que afeou á conselleira que non dese explicacións sobre esa demora na activación da emerxencia. Reprobou, ademais, que desde a Consellería intenten botarlle a culpa do sucedido ás chuvias e ao tempo destes días cando, subliñou, en Malpica nos últimos cinco anos houbo seis meses con máis precipitacións que este último mes de xaneiro.

Na mesma pregunta parlamentaria, o deputado da Costa da Morte instou á conselleira a aclarar se houbo modificación do proxecto de restauración da mina, posto que este contemplaba un bombeo de auga dunha balsa a outra para despois depurala que acabou facéndose ao revés do previsto. A balsa que rebentou, explicou, foi a que recibiu a auga.

“Os feitos falan por si mesmos: isto non foi unha sorpresa nin un accidente, foi unha decisión política da Consellería que agora debe asumir responsabilidades”, concluíu.

O GRUPO SOCIALISTA RESPONSABILIZA Á XUNTA DO DERRUBAMENTO PORQUE “NON FIXO ABSOLUTAMENTE NADA” DENDE O ANTERIOR ACCIDENTE HAI 12 ANOS

A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, advertiu que a “inacción prolongada” da Consellería de Industria nas minas abandonadas está detrás do derrubamento de Monte Neme (Carballo / Malpica). Iglesias acusou á conselleira de non ter feito “nada” dende o colapso dunha balsa de lodos hai 12 anos ata o derrubamento do pasado 31 de xaneiro, que rematou sen consecuencias graves “por pura chiripa”.

Iglesias esixiu “responsabilidade, transparencia e prevención” por parte da Xunta, que terá que facer fronte a unha denuncia no xulgado de Carballo por presunto delito medioambiental. Explicou que a responsabilidade da restauración e da seguridade é a autoridade mineira galega porque a empresa titular -vencellada co PP valenciano de Cotino, imputado pola Gürtel- entrou en concurso de acredores.

Iglesias criticou a “inacción prolongada” na xestión das minas por parte do goberno galego, ao que lle esixiu  “transparencia, acción inmediata e medidas preventivas reais” para que este accidente “non volva suceder nunca máis”. A parlamentaria socialista esixiulle á conselleira que faga públicas as análises que Augas de Galicia debera ter realizado nos últimos 5 anos na mina de Monte Neme.

Advertiu que o accidente transcende un mero problema ambiental, senón que apunta directamente á responsabilidade da conselleira porque “algo fallou gravemente na actuación da Autoridade mineira galega”.

Related posts

Axober impulsa a mellora da hostalería da comarca cunha xornada sobre deseño e eficiencia nas cociñas profesionais

Mar de Fábula fai un chamamento para contribuir á limpeza da praia do Lago en Camariñas

O Concello de Carballo realiza a comunicación de expropiación dos terreos da zona do Rego da Balsa