A Xunta afirma que adiantará o 100% das axudas do terceiro Plan de rescate


A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo novos encontros virtuais desde Santiago de Compostela cos integrantes do Diálogo Social -Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), UXT e CCOO- e coa Mesa do Emprego Autónomo para terminar de consensuar as bases do 3º Plan de Rescate que a Xunta porá en marcha cos 234 millóns de euros comprometidos polo Estado para Galicia.
Lorenzana anunciou aos interlocutores sociais e empresariais a dobre intención do Goberno galego de reservar cartos para que as axudas cheguen aos negocios mais afectados pola pandemia, e que os importes vaian en consonancia coa perda de facturación e o número de persoas empregadas, como se fixo nos dous plans de rescate anteriores desenvolvidos pola Xunta.

Por outra banda, adiantou que para axilizar a inxección de liquidez ao empresariado galego, a Xunta adiantará o 100% da axuda mediante a presentación dunha declaración responsable por parte dos solicitantes, tal e como xa se fixo nos dous plans de rescate realizados ata agora con fondos autonómicos.