A Xunta baseará a seguridade da dársena de Malpica en estudos pioneiros | O PSdeG discrepa


A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, respondeu este martes a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación coa actuación de mellora das condicións de operatividade do porto de Malpica. Susana Lenguas deu conta ante os grupos parlamentarios das circunstancias que enmarcan as actuacións neste porto e dos avances técnicos acadados ata o momento no proxecto de mellora da operatividade da dársena.

A presidenta de Portos incidiu na excepcionalidade do porto de Malpica en canto ás condicións de extrema exposición que xeran un efecto de resonancia pouco coñecido en Galicia e no Cantábrico. Neste sentido, subliñou que as propostas que está a analizar o ente público para deseñar un estudo de alternativas que permitan mellorar a seguridade no interior da dársena malpicá deben basearse nos resultados de traballos pioneiros de medición de onda longa e resonancia. Trátase dunha problemática tradicionalmente pouco coñecida e polo tanto pouco analizada e na que Portos de Galicia está a afondar.

Ademais Susana Lenguas deu conta dos resultados da instrumentalización realizada no interior e no exterior do porto, datos necesarios para coñecer a propagación da onda longa e ondada e, en consecuencia, o comportamento e posibles solucións de cara a minorar os efectos da comporta da dársena interior. Explicou que os estudos formulan diversas modificacións da configuración portuaria actual e que veñen de ser analizados con detalle cos representantes da confraría coa fin de consensuar as liñas de actuación nas que Portos de Galicia traballa.

Finalmente, lembrou que o obxectivo do ente público é buscar unha solución sostible, que responda na maior medida posible ás necesidades que se formulan para o porto de Malpica, procurando novas configuracións.

As demandas do Grupo Socialista para a mellora e ampliación do Porto de Malpica foron rexeitadas polo PP, segundo Martín Seco.

O deputado do Grupo Socialista Martín Seco esixiu ao goberno da Xunta unha solución para mellorar o dique de abrigo do porto de Malpica, petición que foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido Popular. O representante socialista defendeu esta iniciativa parlamentaria por considerala fundamental para reforzar a seguridade do peirao, esencial nunha vila tan dependente da pesca.


Seco sinalou que esta mellora sería “esencial para un impulso á actividade económica” e un “cambio substancial” para a vila de Malpica, polo que lle reclamou ao goberno galego que “aposte pola ampliación do dique de abrigo”, xa que, sería a “mellor solución para o porto”. Engadiu que a localidade necesita desta actuación “polo ben dos mariñeiros, da economía local e polo ben dun pobo, da súa seguridade e da súa economía”.

 
O parlamentario explicou que a ampliación do dique de abrigo sería un “impulso para as capacidades económicas” de Malpica e faría un “porto de referencia” en Galicia, mellorando a seguridade nunha instalación que, en 2018, se cobrou unha vítima mortal. Sinalou que esta petición é “un investimento industrial para o concello de Bergantiños”.


Reclamou unha “aposta real” polo porto, que permitiría recuperar emprego e aumentar a riqueza da vila, aproveitando unha situación xeográfica privilexiada grazas á boa saúde dos bancos de pesca dos que dispón nas proximidades. Malpica, dixo, “é o maior porto pesqueiro de baixura da Costa da Morte”, unha infraestrutura esencial nunha vila “de gran tradición mariñeira”.


“A petición desta mellora foi rexeitada pola maioría do Partido Popular, castigando á vila de Malpica que precisa de unha solución fundamental para a seguridade e impulso económico da localidade”.

Facendo referencia ao anuncio da presidenta de Portos de Galicia, o deputado socialista destacou que “cinco anos despois seguimos con estudos, medicións, fotos co actual alcalde e unha suposta implicación do goberno galego” que segue sen frutificar en inversións reais.