A Xunta afirma que destinará 4,8 M€ a bonificar e conxelar as peaxes das autoestradas autonómicas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade afirma que destinará en 2023 4,8 millóns de euros á bonificación e conxelación das peaxes das autoestradas autonómicas, A Coruña- Carballo (AG-55) e Vigo-Baiona (AG-57), o que suporá beneficiar a 26.500 usuarios cada día. Así o detallou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que compareceu na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos para presentar as contas do departamento para 2023.

Explicou que nos Orzamentos do próximo ano aumenta nun 86% a partida dirixida a continuar coas bonificacións que se veñen aplicando nas autoestradas autonómicas -por recorrencia, a familias numerosas e en horario nocturno- e a conxelar o prezo das peaxes, contribuíndo, deste modo, a moderar os efectos da inflación no peto das familias, evitando unha suba do 7,3% nas peaxes derivada do IPC o vindeiro 1 de xaneiro.
Deste xeito, incidiu, as autoestradas autonómicas seguirán a ter as tarifas máis baixas da comunidade e continuarán estando entre as máis baratas de España algo que, dixo, é previsible que suceda coas autoestradas estatais AP-9 ou coa AP-53, ao non prever o Goberno de España unha medida similar á que aplicará a Xunta nas autoestradas da súa titularidade.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha