A Xunta afirma que os ximnasios terán axudas específicas

1 minutes read

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, mantiveron por videoconferencia desde Santiago de Compostela unha xuntanza cos representantes da Plataforma galega pola educación física, actividade física e o deporte para informar ao sector das novas axudas que a Xunta activará con carácter inmediato, con apoios específicos para os ximnasios, no marco do segundo Plan de Rescate.

A Xunta vén de rematar a rolda de contactos cos representantes do diálogo social (Confederación de Empresarios de Galicia, UXT e CCOO) e cos interlocutores das persoas traballadoras autónomas para pechar o deseño do segundo Plan de Rescate. Tal e como destacou a conselleira, o Goberno galego “está a tramitar as ordes administrativamente para que se publiquen de xeito inmediato”. Neste sentido lembrou que a Xunta conta con 75 millóns de euros neste segundo plan que, sumados aos 86,2 millóns mobilizados a finais de ano supoñen apoios directos por enriba dos 160 millóns en apenas 90 días.

Entre as novidades, o novo Plan contará cunha liña específica de axudas para outros sectores -diferentes ao da hostalería- que tamén deben permanecer pechados a causa das restricións sanitarias adoptadas desde o pasado xaneiro e entre os que se inclúen os ximnasios que, como indicou Lorenzana, vense directamente afectados polas medidas adoptadas pola Xunta para preservar a saúde das galegas e galegos.