A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expuxo no Parlamento que a Xunta está a traballar co obxectivo de ofrecer o mellor servizo de practicaxe posible nos portos de Laxe, Cee e Corcubión dun xeito que sexa sostible tanto económica como tecnicamente.
A titular de Mar subliñou que o porto de Cee -o principal deses tres- recibiu entre 2019 e 2021 un total de 225 barcos que requiriron o servizo do práctico, unha media dun barco cada cinco días, e a previsión de peche deste ano é aínda inferior. Nesta liña, detallou que os ingresos anuais por taxas portuarias destes barcos non chegan a 100.000 euros e as compensacións que tivo que aboar Portos de Galicia ao práctico por non acadar os ingresos mínimos establecidos na prestación sumaron 360.000 euros entre 2019 e 2021, polo que estamos ante un servizo totalmente deficitario.
Ante esta situación, incidiu en que a Consellería do Mar está a traballar na busca de solucións que permitan ofrecer o servizo con todas as garantías e máis acordes ás necesidades que debe cubrir. Iso é o que busca, precisamente, o prego regulador do servizo de practicaxe dos portos de Laxe, Cee e Corcubión elaborado por Portos de Galicia e que foi aprobado pola Dirección Xeral da Mariña Mercante do Estado.