A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e os tres alcaldes —Carlos Vázquez (Vilarmaior), Antonio Deibe (Irixoa) e Alberto Platas (Aranga)— mantiveron unha reunión na que abordaron as posibilidades das entidades municipais para implantar iniciativas coas que dar valor a estes refugallos urbanos.
Nese sentido, a conselleira trasladoulles a oportunidade de facer unha análise das necesidades actuais e de futuro, co fin de artellar una planificación a escala local e identificar as necesidades para atender este servizo.
Ao mesmo tempo, lembroulles que a Consellería habilita incentivos para axudar ás entidades municipais na xestión dos biorresiduos. Concretamente, a convocatoria de 2022, con 13,5 millóns de orzamento de fondos europeos, fixou dúas liñas, unha para a implantación do quinto contedor —o marrón— e a segunda para fomentar a compostaxe individual e comunitaria.
De feito, o Concello de Irixoa solicitou a través da segunda liña unha axuda por importe de algo máis de 6.000 euros que neste momento se atopa en tramitación.
Así mesmo, a conselleira indicoulles que para reforzar a confianza e a seguridade xurídica nas posibilidades que ofrecen as instalacións de compostaxe comunitaria, a Xunta está a impulsar un Decreto polo se desenvolverá o réxime xurídico destas actividades, para impulsar a súa implantación e emprego mediante a difusión das súas características, requirimentos e potencialidades.
A compostaxe comunitaria é aquela xestión dos residuos orgánicos domésticos, producidos nos fogares, restaurantes ou servizos de restauración colectiva, tratados nunha instalación común —creada para o efecto—, coa que se pretende acadar un recurso para empregalo como fertilizante ou substrato de cultivo.