A Xunta anima ao sector dos cámpings a traballar por unha oferta de excelencia

1 minutes read

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, animou aos propietarios e xestores dos cámpings galegos a traballar pola excelencia na oferta deste servizo turístico que o ano pasado supuxo máis do 9% da demanda turística cun millón de noites. Nun contexto tan complexo como o actual, Castro trasladou o seu apoio a estes profesionais e destacou a súa capacidade de resistencia, que lles permitiu que a caída da demanda turística o pasado setembro fose 10 puntos menos respecto ao descenso a nivel nacional. Así, os cámpings caeron ese mes un 27% fronte ao 37% nacional, marcando ademais o mellor dato de demanda entre todas as tipoloxías de aloxamento.

A directora de Turismo participou na Asemblea xeral anual da Asociación Galega de Cámpings, onde lembrou que vense de cumprir o primeiro ano da entrada en vigor do novo regulamento de funcionamento deste tipo de aloxamentos en Galicia, un decreto que introduciu cambios co obxectivo de simplificar e mellorar o seu funcionamento.

Neste sentido, referiuse á adopción do sistema de estrelas por parte destes establecementos e á creación das especializacións de cámpings temáticos e cámpings exclusivos para caravanas e autocaravanas, que se suman aos de turismo verde, xa existentes, “unha tipoloxía que está a experimentar un importante crecemento nunha tendencia que seguramente continuará á alza como consecuencia dos cambios de comportamento dos viaxeiros por mor da covid-19”.