O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña (ABAC) beneficiaria das axudas que o Servizo Galego de Saúde concede a entidades sen ánimo de lucro para programas sociosanitarios.
No marco desta visita, destacou o compromiso neste eido anunciando que a convocatoria para o ano 2022 destas axudas, publicada a principios de xaneiro, incrementa un 40% o seu orzamento con respecto á convocatoria anterior, chegando a un crédito inicial de 250.000 euros.
O importe máximo a solicitar polas entidades pasa a ser de 16.000 euros, cando no ano anterior era de 12.000. O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata finais de febreiro.
Agárdase por tanto superar os resultados do ano pasado, no que estas axudas beneficiaron a 18 entidades que desenvolveron programas de apoio psicolóxico, de estimulación cognitiva, de integración sensorial ou de rehabilitación de fisioterapia para pacientes con trastornos do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, enfermidades raras, alzheimer, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas. Tamén parálise cerebral ou dano cerebral adquirido.
Dende Sanidade avógase por incrementar as axudas, xa que se considera que hai un labor de apoio sociosanitario a estes pacientes que vai máis alá dos centros sanitarios e ao que pode atender un tecido asociativo que en Galicia é moi potente.