O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, anunciou que a Xunta de Galicia traballa na elaboración dun mapa de bibliotecas, que contarán cun aumento do investimento en 2021 ata os 7,4 millóns de euros. Así o manifestou hoxe no Parlamento de Galicia onde fixo balance da actividade neste eido desde a entrada en vigor da Lei de Bibliotecas de 2012.
“Dispoñer dun sistema bibliotecario robusto é imprescindible porque son un dos soportes fundamentais que aseguran o dereito de acceso á cultura e Galicia supera a media de España de comunidades con mellor ratio de bibliotecas por habitantes e debemos ser ambiciosos para garantir estes servizos nos lugares onde non os hai co esforzo de todas as administracións públicas”, indicou en referencia aos datos do Anuario de Estatísticas Culturais de España que cifra en menos de cen os concellos galegos que carecen de biblioteca local na Comunidade galega.
Recordou que un dos obxectivos máis inmediatos da Xunta é o de concretar novas ferramentas de cooperación coas administracións locais que permitan coñecer as necesidades bibliotecarias de cada unha delas. Para iso, o Goberno autonómico elaborará o segundo mapa de bibliotecas de Galicia, unha ferramenta posta á disposición de concello que amosará a situación actual e permitirá facer diagnose de necesidades de servizo bibliotecario de cada municipio. De xeito complementario, desenvolverase o proxecto de bibliotecas itinerantes para garantir o acceso deste servizo á maior parte dos usuarios na Comunidade.