A Xunta adopta novas medidas que afectan as residencias, os seus traballadores e os seus usuarios. O presidente Alberto Núñez Feijóo avanzou na comparecencia logo do Consello da Xunta varias das decisións tomadas co consello do comité clínico de expertos. Estas decisións chegan logo de que o comité clínico e a Xunta constataran que Galicia está «nunha segunda vaga dende hai semanas». Esta nova vaga na pandemia chegou «antes do que estaba previsto», aínda que é distinta á anterior. «A pesar de ter 4.000 casos activos, similar aos que había en primavera, moitos son asintomáticos», indicou Feijóo. Nese sentido, o presidente da Xunta asegurou que «non é unha cifra que deba preocuparnos en exceso, o que debería preocuparnos é non ter localizados os contaxiados», pois «cantos máis diagnósticos, maior capacidade de controlar a pandemia».
40