No Día mundial de persoas con Descapacidade, celebrado este 3 de decembro, membros de Fagal acudiron á cidade da Cultura de Santiago de Compostela a un acto emotivo e e cheo de reivindicacións para todos os usuarios.
Tamén estiveron presentes Cesar Bugallo e Jesús Villar, presidente e vicepresidente de Fagal Alzheimer Galicia así como os seus técnicos.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou tamén neste acto institucional, durante a súa intervención avanzou que o Goberno galego lanzará en 2026 un plan estratéxico con horizonte 2030 para situar a Galicia como referente na plena integración das persoas con discapacidade en todos os ámbitos das súas vidas.
Na súa intervención, a conselleira explicou que este plan estratéxico será totalmente consensuado coas entidades sociais da discapacidade en Galicia e terá carácter transversal, para incluír todos os ámbitos da vida das persoas con discapacidade: os servizos sociais, a atención sociosanitaria, a empregabilidade, a educación e formación e tamén o ocio e o deporte.
Entre os obxectivos para 2030, asegurou que se continuará realizando unha aposta decidida pola atención temperá, que hoxe dá servizo a 200 concellos, e pola creación dunha rede de atención postemperá, para os nenos e nenas que unha vez cumpridos os seis anos seguen precisando este servizo. Ademais, o Goberno galego continuará impulsando o fomento da autonomía, da formación e da empregabilidade das persoas con discapacidade, sempre en colaboración coas entidades sociais.
Nesta liña de cooperación, a conselleira avanzou que a Xunta seguirá apostando por crear máis prazas de residencia e centro de día, que hoxe chegan ás 5.900, e por continuar dando estabilidade ás prazas públicas que xa existen. Neste sentido, lembrou a recente aprobación da revisión de prezos por parte do Goberno galego, con máis de 7M€ anuais para facer fronte ao novo convenio colectivo da discapacidade.
A conselleira tamén apostou por continuar creando máis centros para a discapacidade en colaboración coas entidades sociais, un obxectivo ao que nos tres últimos anos se destinaron máis de 30M€, e por desenvolver novos modelos de atención, con centros baseados en fomentar a vida independente e a integración na comunidade, como o que se porá en marcha en Friol.
Por último, e xunto á elaboración deste plan estratéxico, a conselleira destacou que outro dos principais retos para o 2026 será o impulso da Lei do terceiro sector social, un compromiso que xa adiantara o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
O papel das familias
Fabiola García agradeceu ás entidades o seu traballo “as 24 horas e os 365 días do ano polo benestar das persoas con discapacidade”. Neste sentido destacou que todos os avances acadados nos últimos anos “non serían posibles se non contásemos coas entidades sociais como grandes aliadas”. Por último, puxo en valor o papel que xogan as familias, ás que definiu como “as primeiras defensoras dos dereitos das persoas con discapacidade”.