O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado do alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, visitou a fervenza do Ézaro na que se levou a cabo a reparación da pasarela de acceso á mesma.
Esta actuación foi posible grazas a un investimento da Xunta de 30.000 euros que se inclúe dentro das axudas do Goberno galego para a mellora das infraestruturas turísticas dos municipios. Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, informou Trenor, a Xunta apoiou o ano pasado 8 actuacións que contaron cun investimento total de máis de 162.000 euros no concellos de Carballo, Cee, Cerceda, Dumbría, A Laracha, Ponteceso, Vimianzo e Zas.
O delegado da Xunta informou tamén que a Xunta abriu unha nova liña de axudas para actuacións de mellora en infraestruturas turísticas en concellos de menos de 10.000 habitantes, que xa rexistrou máis dun cento de solicitudes. Trátase dunha convocatoria de subvención dotada cun orzamento de 3,5M€ que ten coma obxectivo seguir modernizando e dinamizando o sector turístico galego.
Estas actuacións buscan a posta en valor turístico dos recursos, precisamente o mesmo obxectivo da orde de axudas de 3,5 millóns de euros destinadas aos concellos de ata 10.000 veciños que seguen a ter o seu prazo de solicitude aberto ata o vindeiro 18 de outubro.
| CONCELLO | OBXECTO | IMPORTE |
| CARBALLO | Proxecto mesa panorámica accesible no mirador de Vilela | 4.679,68 € |
| CEE | Subministro mobiliario urbano camiño de Santiago-Casco urbano de Cee: cubrecontedores | 11.364,93 € |
| CERCEDA | Dotación de accesibilidade e mellora da iluminación ornamental do xardín botánico | 30.000,00 € |
| DUMBRÍA | Reparación da pasarela de acceso á fervenza doÉzaro | 30.000,00 € |
| LARACHA | Rehabilitación e accesibilidade do entorno turístico de Gabenlle | 28.010,85 € |
| PONTECESO | Aparcadoiro de autocaravanas en Corme | 30.000,00 € |
| VIMIANZO | Creación dunha ruta de sendeirismo pola paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba | 8.448,58 € |
| ZAS | Creación, sinalización e homologación da ruta da auga de Zas | 19.903,00 € |
| TOTAL | 8 AXUDAS | 162.407,04 € |
