O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, defendeu en Fitur a candidatura da Costa da Morte como destino Starlight nunha aposta pola excelencia turística baseada no coidado e aproveitamento dos recursos naturais que dispón esta zona.
Así, Turismo de Galicia segue a apostar por converter a comunidade nunha potencia que aproveite as súas fortalezas para responder as demandas dos viaxeiros na actualidade, que buscan lugares abertos, pouco masificados e nos que estean rodeados por natureza, paisaxes e cunha ampla oferta de actividades.
Segundo destacou Trenor na presentación Costa da Morte, de camiño a ser destino Starlight, a certificación supoñería un recoñecemento a unha área que goza dunhas condicións excelentes para a contemplación dos ceos estrelados e protexidos da contaminación luminosa.
Do mesmo xeito, significaría un forte impulso á corrente do astroturismo en Galicia, unha modalidade turística sustentable e responsable cos recursos naturais. A ampla riqueza paisaxística e cultural da Costa da Morte, de man co seu patrimonio artístico, conforman un cadro ideal e de calidade para facer da zona un emblema de éxito turístico.