A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, visitou o campamento de verán de Ponteceso, organizado pola Asociación Casa da Muller nas instalacións da Fundación Eduardo Pondal co apoio do Concello. Unha iniciativa que conta coas axudas do Plan Corresponsables da Xunta, cofinanciado polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade, destinadas a favorecer a conciliación da vida familiar, persoal e laboral.
O Executivo galego achega preto de 25.000 euros á Asociación Casa da Muller dentro deste plan que, lembrou a directora xeral, permite a gobernos locais, entidades e asociacións poñer en marcha ou reforzar servizos como o coidado profesional de menores en espazos públicos, campamentos, programas de madrugadores, obradoiros lúdicos ou actividades culturais. A Xunta destina este ano un total de 7,4 millóns de euros ao desenvolvemento de programas de conciliación en toda Galicia.
Destacou así que campamentos como o de Ponteceso ofrecen alternativas de lecer aos máis pequenos durante a época de vacacións, á vez que se facilita a conciliación familiar.
Na súa visita, Eloína Ingerto valorou ademais a aposta deste campamento por facer fincapé na igualdade. Gabou así que a través de xogos, obradoiros, contacontos e dinámicas adaptadas ás diferentes idades, os participantes traballen cuestións como a igualdade entre mulleres e homes, a diversidade familiar e cultural, o respecto ás diferenzas, a inclusión e os dereitos das persoas Lgtbiq+.