A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo participou este luns no evento de lanzamento do proxecto H2RCV na sede da empresa Maquinaria Agrícola Cancela en Tordoia. O proxecto, que ten por obxectivo desenvolver unha plataforma robotizada de trituración baseada en hidróxeno verde para contribuír á descarbonización do sector forestal, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da convocatoria Misións RIS3, unha iniciativa conxunta das consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a de Economía e Industria.
O proxecto, dotado cun orzamento de 3,72 millóns de euros, dos que 1,63 millóns son de axuda pública, deseñará e desenvolverá durante tres anualidades unha plataforma robotizada baseada en hidróxeno verde para a descarbonización das operacións de trituración e mantemento en contornas forestais e zonas verdes. A principal innovación desta plataforma, que se desenvolverá por un consorcio de catro pemes galegas lideradas por Maquinaria Agrícola Cancela e co apoio do centro tecnolóxico CTAG, é o uso de pila de combustible de hidróxeno en lugar de motor de combustión.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o aliñamento deste proxecto cun dos retos plantexados na convocatoria de Misións RIS3: contribuír á redución das emisións de efecto invernadoiro en Galicia incrementando a reutilización de materias primas, produtos e materiais xa presentes no ciclo produtivo. Este proxecto contribuirá, ademais, a maximizar a produtividade das tarefas de trituración, a adaptación da maquinaria para operar en condicións adversas e a seguridade tanto do operador, mediante a operación remota, como da contorna forestal mediante técnicas de radiocontrol e operación autónoma. Así mesmo, esta plataforma permitirá implementar procesos de fabricación avanzados mediante a incorporación de tecnoloxías de última xeración e abrir unha nova liña de negocio.
Catro proxectos no programa Misións
H2RCV é un dos catro proxectos concedidos, a través da liña de axudas para apoiar as Misións de especialización intelixente de Galicia. Concretamente, a Xunta inxecta 5,5M€ nestes catro proxectos, que mobilizarán 11,66M€.
Maquinaria Agrícola Cancela é líder nacional no seu sector, un dos líderes a nivel mundial e están presentes en máis de 50 países. Foron gañadores dos Premios Galicia de Innovación e Deseño no ano 2021 na categoría de deseño. Ademais, conta cunha ampla experiencia en desenvolvemento de proxectos de innovación. Pola súa banda, as outras empresas que forman parte de H2RCV son Neuwalme, con sede en Vigo participou en varios proxectos de I+D+i en colaboración no marco de ConectaPeme. No proxecto tamén participan a empresa TMC Cancela Mulching Solutions, pertencente ao grupo Cancela Santa Mariña igual de Maquinaria Agrícola Cancela, e LMB Twice, de Lugo, dedicada á fabricación mecánica, co apoio do centro tecnolóxico CTAG.