Apoio ao crecemento turístico do xeodestino Deza-Tabeirós


A Axencia Turismo de Galicia está a apoiar o crecemento turístico do Xeodestino Deza-Tabeirós coa implantación de selos de calidade e co impulso das accións de promoción exterior dos oito concellos que conforman esta área turística. Esta vía de colaboración vén de artellarse a través dun convenio entre o ente autonómico e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Pontevedra Norte. En virtude deste convenio, Turismo de Galicia vai financiar as accións de obtención e implantación de certificacións de calidade Sicted, cada vez máis demandadas polos clientes e diferenciais á hora de facer reservas, por parte de aloxamentos rurais ou doutra índole e de establecementos con servizos turísticos. Ademais, o convenio tamén contempla accións de promoción exterior co deseño e impresión de material turístico informativo, a presenza en certames do sector, como é o caso de Turexpo, e incluso a difusión fóra de España da Feira do Cocido, que é a única festa gastronómica con categoría internacional de todo o Estado. Ao abeiro deste acordo, está previsto que se invistan máis de 21.000 euros.