Este martes tivo lugar a presentación de #culturaconforza, a oferta cultural do Concello de Carballo para este semestre, que inclúe unha vintena de espectáculos dos que 11 están apoiados pola Xunta. Trátase de seis montaxes teatrais e cinco de danza que terán lugar no Pazo da Cultura, un dos 40 espazos integrados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, confinanciada polas administracións autonómica e locais. Nesta localidade a achega do Goberno galego representa máis de 28.400 euros.
A programación comeza este mes, o venres 11, cunha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) coa Casa Museo Manuel María. Trátase de A lúa vai encuberta, peza gañadora do II Certame Manuel María de Producións Teatrais e interpretada por Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. O día 13 representarase Úniko, de Teatro Paraíso, un espectáculo para todos os públicos, que mestura teatro e monicreques.
Marzo ábrese con outra coprodución do CDG, Os nenos da varíola, de Pérez & Fernández, unha adaptación da novela homónima de María Solar que se poderá ver o día 4. Xa na segunda quincena chegarán outras adaptacións, esta vez de clásicos con Celestina, la tragicomedia, de Atalaya, e Quixote, de Pedras de Cartón, esta última para público familiar. Pecha o cartel do mes Un home con lentes de pasta, de Redrum Teatro.
En abril a danza será a protagonista cos espectáculos EM-NA de Colectivo Glovo e DeMente de Fran Sieira, así como con Mercedes mais eu de Janet Novas en colaboración con Mercedes Peón. Maio tamén ofrece dúas propostas de danza, con Natanam de Da.TE Danza, dirixido a público familiar, e Vigor mortis de OtraDanza.
Calidade e variedade nas propostas
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou neste acto, onde destacou o cartel da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Carballo pola súa calidade e variedade de propostas, ao incluír tanto teatro coma danza e pezas clásicas e contemporáneas, ademais de ter en conta todo tipo de público. Jacobo Sutil referiuse tamén ao esforzo realizado polas administracións autonómica e locais para impulsar este circuíto que garante a chegada de espectáculos diversos, fundamentalmente producidos por compañías galegas, a todo o territorio e ao longo de todo o ano.
Así, só neste primeiro semestre, a Rede Galega de Teatros e Auditorios sumará 329 funcións escénicas de 128 formacións nos 40 espazos integrados, con 159 propostas diferentes de teatro, música, danza, maxia e novo circo, tanto para público adulto coma familiar. O orzamento destinado por parte da Xunta para este período ascende a 574.000 euros, o que representa un incremento do 12,5% respecto a 2021. Contando co financiamento das entidades locais xestoras dos escenarios, o investimento conxunto en contratacións artísticas ata finais de xuño superará os 1,13 millóns de euros.