A Xunta apoia oito proxectos que achegan solucións tecnolóxicas feitas en Galicia

1 minutes read

A Xunta apoia con 987.000 euros a posta en marcha de oito proxectos realizados por empresas galegas, que achegarán solucións tecnolóxicas no eido da maquinaria e bens de equipo a necesidades manifestadas por diferentes sectores do tecido produtivo. As axudas facilitadas polo programa Maquinaria 4.0, activado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que veñen de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG), permitirán desenvolver en Galicia tecnoloxía que ata o momento non se produce na Comunidade.

A posta en marcha dos oito proxectos apoiados na primeira convocatoria desta liña de axudas vai supor un volume total de investimentos que superarán os 2,4 millóns de euros. O programa ten como obxectivo incentivar que os fabricantes de maquinaria se convertan en provedores importantes dese tipo de bens, ademais de permitir reforzar a estandarización no sector e facilitar a venda a nivel local, nacional e internacional de tecnoloxía feita en Galicia.

Así, as empresas que desenvolverán os proxectos presentaron as súas propostas para catro retos definidos a partir da análise das necesidades detectadas na consulta realizada polo Igape ao tecido produtivo galego. En concreto, achegan solucións a demandas tecnolóxicas de asociacións e empresas dos sectores da automoción, o conserveiro, a agroalimentación e o transporte e a loxística.