A Xunta apoiará as candidaturas galegas a sedes do Mundial 2030


O Consello da Xunta aprobou o acordo mediante o que se declara o apoio ás candidaturas galegas a sede do Mundial 2030. Deste xeito, manifesta a súa vontade de cumprir, no marco das súas competencias e da dispoñibilidade orzamentaria, cos requisitos fixados pola Federación Internacional de Fútbol (FIFA) para o desenvolvemento do campionato. Así, comprométese a colaborar co seu comité organizador no caso de que a candidatura conxunta de España e Portugal sexa designada finalmente como sede desta competición e algún dos dous estadios galegos postulados -Riazor na Coruña e Balaídos en Vigo- sexan escollidos para disputar encontros do torneo.

A Xunta é consciente do gran reto organizativo que supón acoller un evento desta envergadura, polo que a designación dunha sede en Galicia suporía un fito destacado para a comunidade a nivel tanto deportivo como turístico e económico. Por iso, o Goberno galego xa ten trasladado á RFEF a máxima colaboración na organización do campionato no caso de que algunha das candidaturas galegas sexa escollida como sede de partidos do campionato.