A Xunta apoiará con 37.000 euros a creación do Museo da Pataca en Coristanco

Inés Santé e Juan Carlos García Pose_Cedida.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, mantivo unha reunión co alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, para abordar o proxecto senlleiro “Museo da pataca”, que se levará a cabo cunha subvención de 37.000 euros por parte da Consellería do Medio Rural.

Neste caso a singularidade do proxecto reside na creación dun museo temático para poñer en valor a pataca de Coristanco, considerando a importancia desta produción na comarca de Bergantiños desde o punto de vista etnográfico, agrario e social e de identificación territorial.

O concello de Coristanco é, de feito, coñecido como o “Verxel de Bergantiños” ou como a “Terra da Pataca” e, polo tanto, está moi vencellado á agricultura e sobre todo a este produto. Coristanco é un concello produtor de tubérculos e, como tal, está incluído na Indicación Xeográfica Protexida “Pataca de Galicia”, dentro da subzona de Bergantiños, á que tamén pertencen Carballo, A Laracha, Malpica e Ponteceso. Aparte da relevancia na economía local, a pataca xa forma parte da propia cultura da vila e ata conta cunha rúa no termo municipal.

A través deste museo búscase poñer en contexto histórico a pataca de Coristanco e achegar este cultivo ao conxunto da poboación e aos seus visitantes, a través de exposicións permanentes baseadas en imaxes, vídeos animados e mostras dos diferentes apeiros de labranza empregados, co fin de amosar a evolución do sistema agrario de Coristanco e da súa bisbarra.