A Xunta aportará axudas de ata 3.500 € a traballadores de orquestras e espectáculos


Declaracións da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

A Xunta abre durante un mes o prazo para que o persoal das orquestras e doutras actividades relacionadas co sector dos espectáculos poida optar a axudas para compensar a perda de poder adquisitivo emanada do parón da actividade durante a pasada primavera e verán. A Xunta dispón unha partida de medio millón de euros coa que pretende apoiar ás traballadoras e traballadores que polas condicións dos seus contratos de carácter estacional non puideron acollerse aos ERTE nin a outras medidas de apoio ao sector cultural e tributarias do Estado incorporadas ao Decreto-Lei 17/2020.

O Goberno galego ofrece así unha axuda de 500 euros por cada unha das mensualidades -incluídas entre o 14 de marzo de 2020 e o 13 de outubro de 2020- nas que as persoas solicitantes non obtiveran apoios públicos como froito do parón da súa actividade en festas e eventos populares habituais nesa época do ano.

As contías máximas, por tanto, poden acadar os 3.500 euros por persoa por todo o período e serán menores nos casos nos que o período de inactividade fose inferior.

Persoas beneficiarias

As axudas diríxense a persoas contratadas por conta allea en empresas cuxa actividade se enmarque nalgún dos 9 códigos CNAE apuntados pola orde: actividades de gravación de son e edición musical; relacións públicas e comunicación; alugueiro de artigos de ocio e deportivos; aluguer de outra maquinaria, equipos e bens tanxibles n.c.o.p.; educación cultural; artes escénicas; actividades auxiliares ás artes escénicas; creación artística e literaria e xestión de salas de espectáculos.

Como requisitos, os candidatos deberán acreditar que en 2019 traballaron un mínimo de 50 días nas empresas das citadas actividades, constituíndo ese tempo traballado como mínimo o 75% das xornadas laborais dese ano. Tamén deben probar que entre o 14 de marzo de 2020 e o 13 de outubro de 2020 non estiveron contratados por conta allea máis de 7 días en calquera empresa.