A Xunta aproba os Orzamentos para 2020

2 minutes read
  • Feijóo destaca que Galicia contará con 300 millóns máis, superando a barreira dos 10.000 M€ por primeira vez en dez anos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves na rolda de prensa do Consello, que a Xunta volveu aprobar en tempo os Orzamentos para 2020, que inclúen o maior gasto social da historia, menos impostos e novos recursos para facer máis competitiva e innovadora a economía.

Estes orzamentos pretenden consolidar o crecemento da economía galega fronte ós sinais de desaceleración da economía española e tamén servirán para afrontar con éxito a preparación do Xacobeo 2021 e manter como prioridade a creación de emprego e a innovación.

A Comunidade disporá de 10.149 millóns de euros, 300 M€ máis que este ano –un incremento do 3%-, 1.400 M€ máis con respecto ao inicio da lexislatura, superando por primeira vez a barreira dos 10.000 M€ e sendo o quinto ano consecutivo que o Goberno galego aproba uns orzamentos que crecen.

O presidente da Xunta incidiu en que o proxecto orzamentario mantén todas as rebaixas fiscais actualmente en vigor e haberá catro novas baixadas de impostos: baixa o imposto para os galegos que adquiran unha vivenda usada no rural, non pagarán impostos as persoas cuxa herdanza non supere o millón de euros, haberá exencións para traspaso de accións en empresas familiares e deducións no IRPF para os que melloren a eficiencia enerxética da súa vivenda ou para os deportistas con bolsa.

No tocante ás prioridades de gasto, adicaranse un total de 7.400 millóns de euros ó gasto social. Ese reforzo orzamentario supón máis recursos para a sanidade pública, máis de 4.100 M€, a maior cifra da historia, o que significa que case a metade do aumento do gasto social se destina a mellorar a atención sanitaria (122 M€). Tamén haberá máis recursos para o ensino (2.465 M€) e para as políticas sociais e de benestar (830 M€).