A xunta aprobará á volta do verán o plan de ordenación para ampliar nun 51 % o parque empresarial de Bértoa

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou este martes que a Xunta aprobará á volta do verán o plan de ordenación para ampliar nun 51 % a superficie do parque empresarial de Bértoa ata acadar 1,8 millóns de m² e coa previsión de que estea finalizado no 2028.

A conselleira estivo este martes en Carballo para visitar este polígono industrial onde explicou que o Goberno galego investirá máis de 32 millóns de euros nesta ampliación que suporá incrementar a superficie en preto de 630.000 m² máis de solo empresarial.

“Esta é unha comarca moi industrial, con moitísimo desenvolvemento económico e, polo tanto, para a Xunta de Galicia é prioritario continuar coa tramitación para finalizar a ampliación do polígono de Bértoa”, dixo.

Ao respecto, informou de que se está a traballar, en paralelo, en todas as contratacións necesarias para a reparcelación e as obras de urbanización, “tratando de axilizar ao máximo posible -remarcou-, como estamos facendo en todas as zonas nas que consideramos que, pola demanda que existe, se precisa de solo industrial de xeito rápido”.

Axudas para a mellora da seguridade e a competitividade dos polígonos

Durante a visita, a titular de Economía e Industria, tamén explicou que a Xunta ten aberta ata o 21 de xullo unha liña de apoios -de nova creación- dotada con 1 millón de euros para incrementar a seguridade e a competitividade dos parques empresariais de Galicia. En concreto, estes apoios están destinados exclusivamente a implantar solucións que minimicen os riscos nos polígonos industriais e mellorar os servizos que ofrecen as empresas que está implantadas neles.

Segundo expuxo, estas axudas de ata 120.000 euros por solicitude permitirán modernizar os equipos e os sistemas de seguridade dos parques e facilitar a obtención de certificacións, selos ou as marcas de calidade necesarias.

Related posts

O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño