- Habilitaranse axudas para vivenda á vítimas de violencia de xénero a través da concesión do Bono de Alugueiro Social
A Xunta asumirá a cobertura total do bono de alugueiro social dos colectivos máis desfavorecidos mentres se manteña o estado de alarma da crise do COVID-19, así o comunicou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello celebrada este venres. Unha medida que implica asumir a parte da renda que non cubre o Bono de alugueiro social.
Logo de precisar que esta iniciativa beneficiará a 700 familias, o titular da Xunta destacou ademais a autorización da convocatoria das axudas en 2020 para vivenda a vítimas de violencia de xénero, a través da concesión do Bono de Alugueiro Social, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Un colectivo que, engadiu Feijóo “non pode esperar”.
Esta orde, dotada cun orzamento de máis de 2 millón de euros, ten como obxectivo atender con carácter urxente ás mulleres vítimas de violencia de xénero, nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor. Ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación.
O Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero terá un importe de 225, 200 ou 175 euros, segundo o concello no que se atopa a vivenda alugada. E, equivale ao 50% do importe máximo que pode acadar o prezo do alugueiro da vivenda en cada zona.
O Bono concederase por un período de doce meses, prorrogable dúas veces pola mesma duración, de maneira que poderá chegar ata un total de tres anos. E poderase solicitar unha axuda complementaria de ata 600 euros, para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento.